Raimundo Viejo Viñas

Profesor, autor, traductor, editor, ciudadano activo y mucho más.

May

30

[ gz ] “O 15-M é a reacción da xeración posditadura”


[ nota : a entrevista é umha reconstruçom de umha conversa telefónica, polo que quem conhecer meus matices de opiniom (que pode consultar neste blogue), saberá identificar igualmente a inevitável intermediaçom jornalística. E que já se sabe que «o meio, média» ]

Entrevista de Natalia Arias  para O Xornal (29 de maio de 2011)

Raimundo Viejo Viñas (Vigo, 1969) é doutor en Ciencia Política e profesor da Universidade Pompeu Fabra. Actualmente, traballa nunha investigación sobre mobilizacións colectivas e, a respecto da “desobediencia civil de masas” que é para el o 15-M, di que deixará un sustrato social, máis que un grupo de presión. El viviu este movemento en primeria persoa e, tanto pola súa experiencia de máis de 20 anos no mundo do activismo, como pola evolución histórica deste tipo de mobilizacións, pensa que se disolverá. De feito, “os medios xa o mataron”, afirma. Considera que o que se viu nas rúas é a reacción dunha xeración de españois nados en democracia que queren correxir os déficits do modelo que herdaron.



Por que sorprendeu o 15-M?

Todos os movemento teñen un efecto disruptivo, que fai que, precisamente por iso, sexan movementos. Sorprenden cando collen forza porque hai un proceso de liberación cognitiva e unha experiencia emocional moi intensa. Logo, segue un repouso, co que se pecha a ventá mediática. Aquí, como este proceso se combinou coas eleccións, o luns os medios decretaron a súa morte, pero en realidade o movemento medrou porque, mentres baixa o efecto centralizador das grandes prazas, estase a espallar polos barrios.

Falouse moito estes días do Maio do 68, é comparable?

Hai elementos comparables e outros que non. O primeiro parecido é que hai unha evidente madureza democrática. Igual que o 68 ten lugar tres décadas despois da fin da Guerra Mundial, esta unha xeración que non coñeceu a ditadura, que non concibe outro marco de actuación política que non sexa democrático e que, porque se socializou en democracia, é consciente dos déficits dun modelo practicado por elites posfranquistas. Non é casual que a xente que saíu á rúa sexa menor de 50 anos e xa moi maioritaria no censo. Atopámonos con aquilo que dicía Condorcet: “A cada xeración, a súa constitución”. O que hai é unha xeración que reivindica, que reacciona a esa democracia das élites.



Pero todo isto estoupou na campaña.

Si. Un segundo elemento de semellanza co Maio do 68 é a marxinalización completa dos partidos políticos. A democracia actual, nos seus 300 anos de historia, pasa por distintas etapas: despois da época do sufraxio censatario, o papel protagonista dos notables -como Diderot, Robespierre ou Jefferson- pasa as organizacións de partido e, no Maio do 68 e aquí, vemos xa política de movemento, na que non opera a democracia liberal de votar unha vez cada catro anos, nin hai un marco espacial no estado, nin temporal, na lexislatura. Aparece unha democracia directa, de participación permanente e na que a cidadanía se empodera fronte as burocracias estatais e de partido.

E as diferenzas?

Enormes. Isto está máis evolucionado. No 68, o foco está aínda en pequenos partidos de vangarda, nun neomarxismo maoísta ou trotskista cunha compoñente ideolóxica moi forte. Este é un fenómeno moito máis aideolóxico –non apolítico–, no que non que non hai grandes relatos explicativos como os que constrúe o marxismo. Tampouco unha masa obreira, senón unha multitude con postulados propios. Iso é moi innovador e é posible porque a agregación das prazas non se deriva dos intelectuais orgánicos, nin dos partidos de vangarda, senón das novas tecnoloxías.

Pero influíu a literatura panfletaria?

Sen dúbida. O libro de Hessel é o que acaba producindo ese significante baleiro, ese concepto tan amplo que pode agregar moito. Indignados non é máis que unha identidade moi frouxa, que lle resulta útil a un suxeito multitudinario para chegar a consensos en asembleas con ideoloxías de todo tipo. Por tanto, esta literatura funcionou como fertilizante, pero non é un discurso que marque unha liña ideolóxica como facían os panfletos históricos. O Manifesto Comunista era un programa de partido. O Indignádevos é máis ben unha filosofía moral.

Tamén sorprendeu, en comparación con Grecia ou Francia, o carácter pacífico da protesta.

O activismo de aquí xa aprendeu a lección, pero haberá violencia. Este é un patrón clásico. O movemento comeza cunha acción disruptiva, segue cunha agregación multitudinaria e despois, cando se chega ao punto álxido, sempre se produce unha escisión entre a facción maximalista e a que se conforma, e o Estado aproveitao moi ben. Cando perdes pasividade, o que se destaca máis, sobre todo na prensa, son as prácticas violentas. Iso faise para illar os sectores máis recios ao pacto, lexitimar as decisións acordadas e impedir que agrome un proceso antisistémico. As redes de Democracia Real Ya e doutros grupos tomaron isto como punto de partida e, desde o comezo, este é un proceso que non se pode traducir en reformas. É autónomo e antisistémico, cunha base social moi masiva de mozos que quedan fóra do reparto da riqueza, e o seu éxito estivo en que non houbo violencia.


A valoración do Goberno dos resultados electorais, a escasa participación, os votos en branco e nulos… non lles dan a razón?

Absolutamente. Pero os partidos e estes mozos están en gramáticas políticas distintas. Só comparten o espazo da opinión pública porque o elemento identitario do movemento é estar negados pola clase política. O seu sería unha apertura táctica para abrir o réxime político á súa redefinición, cousa que é o último que teñen os políticos na cabeza e o exemplo paradigmatico é Zapatero.


DRY acabará sendo un grupo de presión como queren?

Non, disolveranse. Todos estes movementos recombínanse e xeran vagas de mobilización. Aquí [Barcelona] as redes de Democracia Real veñen de V de Vivenda e estas dos May Day. Pero queda a sensibilización social. Moitas das mobilizacións dos oitenta e os noventa deron lugar a un tecido organizativo que se traduce hoxe en asociacións culturais e veciñais.